1/23/2019

Na pel dos animais.

Dende o pasado mes de setembro comezamos a investigar nas aulas do CEIP Número 1 sobre o noso proxecto de centro do actual curso 2018/2019, titulado: "Na pel dos animais". É un proxecto que nace das propostas do noso alumnado no anterior curso escolar, as cales foron postas en común no Consello d@s Nen@s .
No blog napeldosanimais.blogspot.com/ publicaremos diferentes entradas que poñan de manifesto algunhas das propostas que se están desenvolvendo no noso cole. 

Este proxecto vai mais alá do que normalmente entendemos coma investigación acerca dos animais e o coñecemento das súas formas de vida, xa que como o seu propio nome indica ten coma unha das súas diversas finalidades ou obxectivos educativos o achegamento ao mundo real dos animais que coñecemos na nosa contorna ou noutros moitos hábitats, e o logro da capacidade de poñerse no lugar destes animais e coñecer como viven en realidade.
Por iso, dende a biblioteca levouse a cabo co gallo do Día das Bibliotecas Escolares, unha charla con tres invitados moi especiais, unha familia namorada dos animais, da natureza e da fotografía, que mediante as súas fotos, e reflexións, serviron para comezar a poñernos NA PEL DOS ANIMAIS.


Ademáis, en estreita relación co noso proxecto, tamén estamos dentro do Plan Proxecta, Protexe os animais.
O curso pasado organizamos un Mercadillo para conseguir salchichas para a Protectora de Animais de Tui Aloia, e este ano queremos poñernos na pel dos cans grazas a colaboración dos voluntarios e voluntarias da protectora.
Comezamos cunha charla na biblioteca onde nos contaron o que fan na protectora, como se pode sentir un can cando o abandonan, a importancia de ter claro que un can non é un xoguete, entre outras cousas.
O noso traballo coa protectora continuará ao longo do curso con diferentes actividades que subiremos ao blog.